Vostede está aquí: Inicio / Xente / Os Nosos Vellos / Desiderio Sampayo Rico

Desiderio Sampayo Rico

Desiderio de Vilarmide
O Mazo, Santiago de Acebo, Ribeira de Piquin

Desiderio Sampayo Rico (O Mazo- Santiago de Acebo, Ribeira de Piquin, 1930)

Extraordinario gaiteiro ben coñecido e moitas veces entrevistado por persoas que andamos adicadas ás recollidas e ao coñecemento do noso folclore. Desiderio sempre está disposto a contar as súas vivencias e a nós fíxonos viaxar no tempo aos anos 40 cos seus recordos cando o visitamos na súa casa de Vilarmide.

Desiderio xa tocaba a gaita á idade de 8 anos. Empezara coas pallas de centeo e avea e tiña un punteiro “grilleiro de boxe” que lle fixera Manuel López (Manuel “de Muíña”) e que lle completou cando tiña 10 anos co ronco e o fole.

Conta que Manuel era un carpinteiro boísimo, que “non había quen lle competise a facelas gaitas bonitas”, que “sonaban moi ben”, pero “non valían para tocar cos clarinetes” xa que non daban exactamente a mesma escala musical. O empalletado e afinado facíallo seu pai Antonio Sampayo, gaiteiro con gran habilidade para afinar as gaitas, facer palletas e pallóns.

Manuel, que xa era maior, aprendera a facelas gaitas (grilleira, redonda e tumbal) con un vello gaiteiro e carpinteiro de O Courel (parroquia de A Órrea, Riotorto) chamado Marugán que tocaba a gaita no conxunto coñecido como Os da Louseira (Seixosmil) xunto co tamén gaiteiro Roxo da Azureira e Sergio (un rapaciño daquela) á caixa e un veciño chamado Ramón ao bombo.

Con 15 anos Desiderio quería facerse cunha gaita tumbal para tocar coma os seus admirados Vilaboas así que lle encargou unha peza para o ronco a Manuel de Muiña e Abelardo foille polo punteiro xunto dun artesán que había en San Tirso de Abres (Vinjoy).

Aínda hoxe en día lle alumean os ollos cando fala daquel quinteto dos Vilaboas:

Compoñíanse cinco ou seis; ás veces había dous clarinetes. Era unha época na que estudios de música non tiña ningún pero tocaban moi ben, moi ben. Ían tocar hacia Lugo e chegaron ata Sarria, metade das veces en bicicleta xa que aquí coches non había. Tamos falando de despois da guerra e estaba todo frouxo”; “Taba Mota (ao clarinete), taba Abelardo, que era o maior de todos e Miro que era un rapaz un pouco maior ca min; era zurdo para tocar pero tocaba o que quería a gaita, aquelo era un milagro”; “Modesto tocaba moi ben a percusión e queríame moito: cando descansaban un pouco, ao escurecer decíame: colle aí a gaita de Abelardo e bota unhas jotas e unhas moiñeiras. A min dábame moito gusto porque aquel home facíalle falar á caixa”.

Tamén colleu sona neses anos facendo gaitas Manuel Maria “Corredoira” de Os Teixedais (A Pontenova, parroquia de Bogo). Facía unhas gaitas “que daban un requinto....” (capaces de subir de octaba) consideradas “das mellores da zona” antes de que as de Seivane pasaran a ser as máis afamadas tanto polo timbre como, sobor de todo, por afinación.

Desiderio, ao regresar do servizo militar (que fixo como gaiteiro da banda de cornetas) en 1954 formaría o Quinteto dos Acebedos xunto con Costante “de Valiña”, Paulino “de Gonzáis” (clarinete), Manolo “de Lionardo” (caixa) e Angelito “de Pardo” (bombo). Moitos, como o propio Desiderio un ano e pico despois, marcharían á emigración.



Intérprete
Informante
Navegación