Os Campaneiros de Vilagarcía
Foi polo ano 1926 cando os irmáns Xosé e Ramón Valiñas Oubiña, naturais do Sixto, Vilagarcía, comezaron a actuar en festas da zona co nome de "Os Campaneiros".
Na súa familia non había tradición musical e aprenderon a tocar cunhas frautas de cana que construíron eles mesmos. Despois compraron un punteiro e metéronlle unha vexiga de porco (para que fixese de fol) e un soprete. O padriño de Xosé, ao ver que o neno tiña afección e dotes, regaloulle unha gaita grileira, comprada en Pontevedra a Poceiro, famoso artesán da provincia. Pouco despois, Ramón comprou outra igual, e foi entón cando comezaron a actuar para o público.
O nome de "Campaneiros" era o alcume da familia, xa que un dos seus bisavós fose un dos fabricantes de campás de Arcos da Condesa (Caldas). O repertorio que interpretaron durante os primeiros anos de andaina estaba composto por pezas populares ou copiado dos gaiteiros da comarca.
Co tempo foron creando o seu propio repertorio, hoxe en parte recompilado en varias cintas de casette e disco. A técnica que utilizaban é a que se chama, entre gaiteiros, semipechado.
Acompañando aos Campaneiros, coa caixa e o bombo, pasou moita xente polo grupo, pero quen máis perdura na memoria da xente, e con quen gravaron os discos que teñen editados, foron os irmáns Xosé e Celestino, fillos de Pallamallada.
Foi no ano 1983 cando a súa aldea natal fíxolles unha homenaxe popular, na que actuaron grupos como MILLADOIRO, FUXAN OS VENTOS, AIRIÑOS DO PARQUE DE CASTRELOS, OS ROSALES, e no que recibiron diversas distincións de mans do Presidente da Xunta, Real Academia Galega, Deputación Provincial, Concello de Vilagarcía, etc, nunha xornada chea de emocións e recordos, durante o cal se descubriu unha escultura conmemorativa do acto.
Meses despois, na Festa do Marisco no Grove, "Os Campaneiros" ofreceron a súa última actuación, debido a que a enfermidade obrigou a Ramón a retirarse. Ramón morrería un ano despois, mentres que Xosé morreu no ano 1993.
Discografía:
- 1969 - Os campaneiros de Vilagarcía.
- 2005 - Os Campaneiros de Vilagarcía. Reedición do disco de 1969 co engadido de tres pezas inéditas máis.
- 1998 - "Os Terribles de Arousa" editaron un CD con 15 temas inéditos dos "Campaneiros"
Fontes:
- Texto de Carlos Rei - Páxina web dos gaiteiros Treixadura.
- Galipedia.